martes, 21 de febrero de 2012

[NOTICIAS: Santiago respirará gastronomía co Fórum Cidade entre o 23 e o 28 de febreiro]

[NOTICIAS: Santiago respirará gastronomía co Fórum Cidade entre o 23 e o 28 de febreiro]

O alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentaron o Forum Cidade, un programa de actividades gastronómicas que se celebrarán en Santiago entre o 23 e o 28 de febreiro, como complemento ao Fórum Gastronómico, que se celebrará no Pazo de Congresos do 26 ao 28 de febreiro. O alcalde e a concelleira estiveron acompañados polo presidente da Asociación Hostalería Compostela, Jesús Sordo, e polo director do Fórum Gastronómico, Pep Palau.

O Fórum Cidade está concibido para todos os públicos e distribúese por todos os recunchos da cidade. No programa inclúense actividades deseñadas directamente polo Concello, a través de Incolsa, e outras actividades propostas por diferentes restaurantes e entidades da cidade, que quixeron sumarse á iniciativa, facendo así un programa aínda máis amplo, que conta cun maior respaldo do sector.

O alcalde indicou que este Fórum Cidade é aínda máis ambicioso que na anterior edición, co fin de "dinamizar" a cidade; conseguir o maior número de participantes, tanto composteláns como visitantes; e lograr un impacto comunicativo que "apuntale Santiago como un dos primeiros destinos turísticos e gastronómicos a nivel internacional".

Neste mesmo sentido falou Pep Palau, recordando que este modelo de actividades do Fórum Cidade é exportable tanto á edición de Girona como a outras cidades españolas, "dándolle a Santiago ese papel de liderado na gastronomía e no turismo. Ademais, agradeceu ao Concello o mantemento da aposta polo certame malia o difícil momento económico.

Tapa Fórum, Fórum Noite, charlas e ópera 

Reyes Leis foi a encargada de dar a coñecer as actividades deste Fórum Cidade, que comeza o día 23 co Fórum Tapas, no que doce gañadores de Santiago(é)tapas elaborarán unha Tapa Fórum, a un prezo de dous euros. As primeiras persoas que completen a ruta recibirán unha cea nalgún dos restaurantes participantes. Para cubrir a ruta hai que cubrir o cupón incluído no folleto do Fórum Cidade, programa que durará ata o 28 de febreiro. Tamén entre o 23 e o 28 de febreiro celebrarase o Fórum Noite, no que varios establecementos da cidade ofrecerán a Copa Fórum, unha copa especial que se poderá consumir a un prezo de catro euros presentando o folleto do Fórum Cidade.

Na tarde 24, o Centro de Formación e Cultura da Asociación Hostalería Compostela acolle o Obradoiro Cociña con café, presentado polo campión galego de baristas, Óscar de Toro, e impartido polos cociñeiros Rafael García e Marcos Crespo. Tamén na tarde do 24, o Hostal dos Reis Católico acollerá dúas actividades consecutivas: unha charla sobre Dieta Atlántica: nutrición, gastronomía, saúde e calidade de vida, na que participarán os profesores da USC representantes da Fundación Dieta Atlántica, organizadora da charla, Rafael Tojo e Rosaura Leis; e unha mostra de Ópera e gastronomía, organizada polos Amigos da Ópera de Compostela, na que se establecerá unha conexión entre fragmentos de diferentes óperas clásicas, os seus autores e a gastronomía, que incluirá unha degustación de viños da DO Valdeorras.

Cine, catas, cocido e alta cociña 


Na noite do 24 terá lugar Cinecea, onde os participantes terán un pase privado da película 18 comidas, que transcorre en Santiago, para a continuación degustar unha cea inspirada na película e elaborada por Pedro Roca. Nesta cea estará o director de 18 comidas, Jorge Coira, con quen os asistentes poderán compartir as súas impresións.

O sábado 25 será un día completo, no que dende a mañá ata a noite Santiago celebrará a súa gastronomía. A mañá comeza cun Merco e Cociño, formato xa clásico de Turismo de Santiago, no que os asistentes acoden á Praza de Abastos cun cociñeiro para facer a compra para despois ir á cociña dun restaurante para preparar diferentes produtos. Nesta ocasión será con Iago Pazos e Marcos Cerqueiro, do Abastos 2.0. Durante todo o día, o Hostal acollerá tres catas con maridaxe, unha de cervexa Estrella Galicia con Conservas Cuca, outra de Rones Bardinet con chocolates Barry Callebaut e a última de Embutidos Lalinense con Viños da DO Somontano de Bodegas Enate Saavedra Boado. Ao tempo, celebraranse dous obradoiros gastronómicos para nenos tamén no Hostal. A noite rematará con Gustorama, unha experiencia cinematográfica e gastronómica, na que os asistentes terán que exercitar imaxinación, padal, visión e audición. Será no novo Espazo Gastrocultural do Abastos 2.0.

Un dos momentos cumios do Fórum Cidade será na mañá do día 25 na Praza de Abastos. Os cociñeiros dos tres grupos representativos da gastronomía galega, o Grupo Nove, o Grupo Gourmand, e Xantares, prepararán conxuntamente un cocido entre as nove da mañá e a unha da tarde con produtos de primeira calidade cedidos pola Praza de Abastos. Será a primeira vez que os tres grupos participan conxuntamente nun acto deste tipo, que sintetiza a unión e a forza das diferentes correntes gastronómicas de Galicia. Rematado o cocido, os asistentes poderán degustar o caldo.

Para o domingo 26 resérvase outra das actividades máis potentes do Fórum Cidade: a Gastronovena. Dezasete cociñeiros do Grupo Nove, entre os que se atopan algúns dos cociñeiros con Estrela Michelín de Galicia, como Pepe Solla, Xosé Cannas ou Beatriz Sotelo, presentarán as súas elaboracións en oito establecementos da cidade. Os cociñeiros prepararán tapas de alta cociña, que se servirán a un prezo de dous euros. Finalmente, o luns 26 terá lugar o Fórum Viños, no que tamén oito establecementos ofrecerán a posibilidade de probar unha selección de viños de autor das adegas participantes no Mercado do Viño que se celebra no Fórum Gastronómico.

Toda a información do Forum Cidade recóllese no folleto do programa, que se pode obter na oficina de información turística. Tamén se atopa na web de Incolsa.

Saborea Galicia

Imagen | disfrutasantiago.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario