viernes, 3 de febrero de 2012

[NOTICIAS: Galicia Calidade patrocina a XIII Edición do Salón Galego de Gastronomía e Turismo Xantar]

[NOTICIAS: Galicia Calidade patrocina a XIII Edición do Salón Galego de Gastronomía e Turismo Xantar]

Un ano máis o recinto feiral de Expourense acolle a edición do máis importante salón de gastronomía e turismo de Galicia, Xantar. Nesta edición o evento contará unha vez máis co apoio de Galicia Calidade que será un dos patrocinadores do mesmo. Ao longo dos cinco días de duración, entre o 1 e o 5 de febreiro, organizaranse talleres de cociña con produtos Galicia Calidade, e distintas catas de viños, queixos, augas, entre outros.

Así, na primeira xornada, o mércores ás 17.00 horas Galicia Calidade realizará un taller de cociña cos produtos amparados polo selo, a cargo de Iago Pazos e Marcos Cerqueiro propietarios dun local de hostelaría moi coñecido en Santiago como é o Abastos 2.0. Ademais, ese mesmo día tamén contaremos cunha cata de viños brancos amparados polo selo de garantía, das adegas Gargalo, Ruchel, Vilarvín, Adega dos Eidos, Castro Baroña e Nairoa.

Ao día seguinte, será o turno das conservas de Luís Escurís e de Jealsa-Rianxeira, cunha degustación aos asistentes das súas variedades que contan co distintivo de Galicia Calidade. O venres realizarase unha cata de viños tintos amparados, o sábado de queixos, das empresas Castillo de Pambre e Queixerías Cas Leiras, e o domingo, para por o remate ao evento, de augas Cabreiroá, Mondariz e Fuente del Val.

12.00 metros cadrados


En 12.000 metros cadrados cubertos, recréanse unha vintena de restaurantes con todo luxo de detalles e servizos. O obxectivo é dobre: exaltar as materias primas coas que elaboran os seus menús e fomentar a calidade e a prestación do servizo. Cociñas e salas de comedor ofrecen unha espectacular imaxe grazas á coidada decoración e elaboración dos pratos.

Ademais da promoción da gastronomía, Xantar é tamén o punto de encontro dos recursos turísticos das rexións participantes no salón. Sen saír do recinto feiral, o visitante pode coñecer os atractivos naturais, arquitectónicos, históricos e, por suposto, gastronómicos, dos distintos puntos xeográficos promovidos por organismos públicos (concellos, deputacións, padroados de turismo, etc.) que acoden a esta cita procedentes de toda España e Portugal.

Tanto para profesionais como para público en xeral organízanse actividades como conferencias, presentacións literarias, exposicións de arte, obradoiros didácticos, cursos de cata e degustacións gratuítas, entre outras moitas. O atractivo que ten Xantar para o público en xeral queda fóra de toda dúbida á vista dos resultados das enquisas realizadas: os menús acadaron un índice de satisfacción superior ó 85% e máis do 90% dos visitantes ten intención de repetir. Ademais é unha cita para o goce do propio sector, xa que das persoas que visitaron Xantar, o 35% foron profesionais.

 O principal obxectivo de Xantar é defender a cultura da calidade na gastronomía e posicionala como un dos reclamos turísticos máis importantes. Por elo, tamén teñen o seu espazo neste salón aquelas comunidades e rexións que queiran promocionar a súa gastronomía como motivación decisiva á hora de atraer visitantes.
 
Por este motivo, Xantar conta cada ano coa presenza de diferentes rexións convidadas. Entre as que participaron, atópanse Estremadura, Castela – León, Asturias, Cantabria e Andalucía, rexións turísticas de Portugal e agrupacións interterritorias como por exemplo a Macaronesia (Canarias, Azores e Madeira). A gastronomía de cada rexión ven acompañada pola súa oferta turística productos autóctonos ou incluso a sua cultura artesanal e tradicional para que os visitantes coñezan destinos que apostan polosegmento da calidade.

Saborea Galicia

No hay comentarios:

Publicar un comentario